Equipo de Mediación CIFP ANXEL CASAL – MONTE ALTO

MEDIACIÓN

Que é a Mediación?

É unha ferramenta para afrontar os conflitos baseada no diálogo e na cooperación que se apoia en persoas neutrais que median no proceso.

Horario do servizo.

O horario do servizo de mediación será:

Luns: de 16h a 17h
Martes: de
10:30h a 11:30h
Mércores: de
12h a 13h

Onde?

Na sala de profesorado.

Seguimento e avaliación

Haberá unha reunión de seguimento co alumnado mediador o último martes de cada mes no horario do recreo.

Quen pode solicitala?

Calquera estudante do CIFP Ánxel Casal – Monte Alto que desexe resolver un conflito de forma pacífica con alumnado do mesmo centro.
Todas as solicitudes serán avaliadas polo equipo coordinador para determinar se a situación presentada é mediable. En todo caso, tomando como referencia o NOF do CIFP Ánxel Casal – Monte Alto, non se iniciarán procesos de mediación nas situacións que
concorran as seguintes circunstancias:

  • A gravación, a manipulación e a difusión por calquera medio, de imaxes, arquivos de audio ou calquera outra información, que atente contra o dereito á honra, a dignidade da persoa, a intimidade persoal e familiar e a propia imaxe dos demais membros da comunidade educativa.
  • As actuacións que constitúan acoso escolar consonte o establecido polo artigo 28 da Lei 4/2011.
  • A suplantación de personalidade en actos da vida docente e a falsificación, alteración ou subtracción de documentos académicos.
  • Os danos graves causados de forma intencionada ou por neglixencia grave ás instalacións e aos materiais dos centros docentes, incluídos os equipos informáticos, o sistema operativo e software instalado, ou aos bens doutros membros da comunidade educativa ou de terceiros, así como a súa subtracción.
  • Os actos inxustificados que perturben gravemente o normal desenvolvemento das actividades do Centro, incluídas as de carácter complementario e extraescolar.
  • As actuacións gravemente prexudiciais para a saúde e a integridade persoal dos membros da comunidade educativa do Centro, ou a incitación a elas.
  • O desacordo do alumnado con respecto aos criterios de cualificación recollidos na programación dos módulos.
  • O incumprimento das sancións impostas.
  • Portar calquera obxecto, substancia ou produto gravemente perigoso para a saúde ou a integridade persoal de calquera membro da comunidade educativa.
  • A reiteración nun mesmo curso escolar de condutas leves contrarias á convivencia.
  • Outras, determinadas desde o equipo coordinador do servizo, unha vez levada a cabo a avaliación do caso.
 
O incumprimento dalgunha das normas fundamentais vinculadas co proceso de mediación referentes a aspectos esenciais tales como a confidencialidade, o respecto ás persoas participantes u outras valoradas desde o equipo mediador, implicará a imposibilidade de participación en futuras mediacións.

CALES SON OS PRINCIPIOS NOS QUE SE SUSTENTA A MEDIACIÓN?

Voluntariedade: as partes en conflito deben querer participar na mediación. Pódese recomendar, pero nunca impoñer.

Confidencialidade: os procesos de conflito relatados polas partes implicadas soamente serán coñecidos polo equipo mediador. Asemade, incidirase neste principio ao longo de toda a mediación co obxecto de que as partes poidan sentirse libres de expresarse asumindo a confidencialidade do que se fale nas sesións.

Neutralidade e imparcialiade: as partes serán en todo momento as protagonistas do proceso e as responsables na toma daquelas decisións que afecten á situación de conflito. A persoa mediadora non propoñerá solucións, non enxuizará e non tomará partido por ningunha das partes implicadas.

COMO É O PROCESO?

Solicitude: as persoas interesadas en acceder ao servizo deberán cubrir o documento de solicitude, dispoñible na web do CIFP Ánxel Casal – Monte Alto, cos datos requiridos.

Avaliación da solicitude: o equipo coordinador avaliará as solicitudes presentadas para determinar se a situación cumpre os requisitos de acceso á mediación. O resultado da avaliación facilitarase nun prazo máximo de 72 horas.

Inicio da mediación (no caso de cumprir os requisitos): a mediación levarase a cabo a través das seguintes fases:

Premediación*
Entrada
Cóntame
Situarnos
Propoñamos
Peche

(*Non se realizará en todos os casos)