Formación para persoas prescritoras. Axentes impulsores do emprendemento

A Deputación da Coruña e a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop, no marco do seu convenio de colaboración 2024 para fomentar o cooperativismo e a economía social, ofrecen para o mes de novembro o seguinte curso destinado a persoas prescritoras de emprego e emprendemento:

“Impulsando un ecosistema emprendedor
no cooperativismo e a economía social”

En modalidade teleformación | 40 horas | Do 4 ao 30 de novembro de 2024

Con 3 sesións virtuais de aprendizaxe os días 5, 19 e 28 de novembro, de 11:00 a 12:30 horas

Os principios e valores nos que se basea o cooperativismo e a economía social, bríndannos unha alternativa positiva e contrastada para acadar unha mellor situación de acceso ao emprego mediante o autoemprego colectivo.

O sector da economía social ven amosando o seu carácter contracíclico e a súa resiliencia nas crises que se teñen producido ata agora. A súa resiliencia, o seren empresas centradas nas persoas e sustentadas en principios e valores é unha garantía para a creación de tecidos económicos máis resistentes e con maior capacidade.

Nesta aposta pola creación e desenvolvemento dun ecosistema emprendedor ao redor do cooperativismo, EspazoCoop propón esta actividade dirixida ás persoas prescritoras de emprego, como axentes de difusión e soporte na creación de empresas entre as persoas usuarias dos seus servizos.

Para achegar á cidadanía o cooperativismo, é preciso tecer alianzas sólidas coas persoas que actúan como dinamizadoras no territorio, ao tempo que favorecer a conformación de redes de cooperación entre elas, que contribúan a pór en marcha e consolidar un ecosistema favorable ao emprendemento en cooperativa. Con este curso tencionamos tamén favorecer unha rede.


Consulta o PROGRAMA DO CURSO neste enlace | INSCRICIÓN neste enlace

As prazas para este curso son limitadas. Información tamén na web da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop aquí.