FPGAL
A Xunta de Galicia presentou o pasado 24 de xaneiro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Plan FPGal 360, co que se quere consolidar a Formación Profesional como unha opción de primeira e atallar o abandono escolar, ao mesmo tempo que acadar
unha maior igualdade de oportunidades e mellorar a inserción laboral do conxunto da poboación.
O plan vai dirixido a 230.000 alumnos que xa están estudando no sistema educativo galego, á mocidade que deixou a educación antes de rematala e que agora ten entre 24 e 34 anos e á poboación en xeral que quere reforzar a súa formación. No evento participaron, entre outros, dous antigos alumnos de FP, que contaron a súa experiencia
como estudantes, a primeira testemuña contou que retomou os estudos, xa “maior”, con 37 anos para completar a súa formación e a outra participante explicou como comezou na FP Básica, para proseguir cun ciclo medio e despois cursar un ciclo superior.
O Plan FPGal360 artéllase arredor de tres eixos fundamentais. O primeiro busca combater o abandono escolar temperá. O segundo eixo céntrase en impulsar un sistema de orientación profesional e vocacional, clave para garantir unha inserción laboral efectiva
e aliñar as expectativas do alumnado coas demandas do mercado laboral. Unha das medidas deste eixo é a creación do OPI Orienta, presentado hoxe. Trátase dunha ferramenta tecnolóxica de orientación profesional interactiva que se nutre da intelixencia artificial para axudar no deseño de itinerarios formativos propios e no acceso á información sobre as distintas saídas profesionais. Por último, o terceiro eixo procura facilitar a titulación da poboación moza sen ou con baixa cualificación, co fin de recuperalos e darlle unha nova oportunidade de formación e, deste xeito, que melloren as súas oportunidades e expectativas laborais.
No evento estivo presente o noso CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, representado polo seu director, David Luaces Gudín; María Jesús Pena, responsable do Departamento de Calidade e Innovación; M.ª del Carmen García Saavedra, orientadora do centro; Begoña Pintos Domínguez, responsable de dinamización nas relacións con empresas na FP; Javier Pérez Couto, profesor de FOL y Paula Díaz Carballada, coordinadora de emprendemento.